Altia despide a 5 traballadores vinculados à CIG, alegando causas obxectivas
A empresa tivo uns beneficios, en 2010, de 1.680.000 ? e foi a primeira e a única empresa do MAB que repartiu dividendos de Galiza
Altia, empresa de consultoría e prestación de servizos TIC, vén de despedir a 5 traballadores que, casualmente, forman parte da candidatura que presentou a CIG ás eleccións sindicais (dous que xa estaban comunicados á empresa e tres que se comunicaron posteriormente). Estes despedimentos prodúcense aos seis meses da empresa saír a bolsa e de ser a única do mercado alternativo bursátil (MAB) que repartiu dividendos.
Renato Núñez, membro da executiva da federación de Banca e secretario de Organización da CIG-Compostela denunciaba, esta mañá en rolda de prensa, o despedimento de 5 traballadores de Altia Consultores, altamente cualificados e con máis de 10 anos de experiencia. Uns despedimentos que considera que non están xustificados, malia a empresa alegar causas obxectivas, dada a súa “envexábel” situación económica, nunha conxuntura de crise como a que padece actualmente o estado español.
A este respecto, Núñez lembrou que segundo os datos feitos públicos pola propia compañía, os seus beneficios en 2010 foron de 1.680.000 €, o que supuxo un incremento do 15% respecto do ano anterior; a súas vendas aumentaron un 8,5%, superando os 17,5 millóns de euros e foi a única do mercado alternativo bursátil que repartiu dividendos.
Segundo Núñez, até o de agora cando se remataba un proxecto, os traballadores/as eran reasignados noutros. Porén, neste caso alega causas obxectivas, en concreto organizativas, para xustificar a rescisión da relación laboral e indemnizalos con tan só 20 días por ano traballado, en aplicación da última reforma laboral. “Estes despedimentos prodúcense ao tempo que a empresa ten ofertados publicamente 35 postos de traballo, o que fai aínda menos xustificábel a súa decisión”.
O máis grave é que estes traballadores, unha semana antes, tiñan información de que serían recolocados noutros proxectos e unha semana despois tiñan a comunicación de despedimento da dirección xeral da compañía, que está na Coruña.
Eleccións sindicais
Para o representante da executiva da federación de Banca, ou os datos económicos presentados por Altia para entrar no MAB non son reais, ou o que se agocha tras destes despedimentos é un claro caso de “persecución sindical”.
Malia iniciar a súa andaina en 1994, contar con centros de traballo en Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e noutros puntos do estado e de ter 420 traballadores -126 en Compostela- até o de agora non contaba con Comité de Empresa.
Núñez lembrou tamén que se intentara abrir un proceso de eleccións sindicais anteriormente, que non chegou a callar, e que os propios traballadores aseguran que provocara, no seu momento, despedimentos.
Desde aquela, e até que a CIG enviou o preaviso para abrir o actual proceso, non se volvera intentar promover eleccións sindicais. Na actual candidatura, que se conformou con “moita cautela”, di Núñez, precisamente para evitar posíbeis represalias e logo de celebrar 3 asembleas de traballadores/as, está integrado o 10% do cadro de persoal de Compostela.
Polo momento non hai ningunha outra candidatura presentada, pero todo parece indicar que finalmente haberá outra avalada por algunha outra organización sindical.
Inspección de Traballo
Ante esta situación a CIG porá en mans da Inspección de Traballo o caso para que valore as causas que provocaron estes despedimentos e se presentarán reclamacións para que a xustiza decida se as causas están realmente xustificadas ou non.
Alén diso, non descarta iniciar mobilizacións e mesmo pór en coñecemento do MAB e daqueles organismos que pretendan homenaxear á compañía polos seus bos resultados, esta situación. Núñez sinala que houbo un intento de contactar coa empresa, quen mantén a decisión de despedir a estes traballadores.
Axudas para o Centro de Traballo de Compostela
Altia marcouse como obxectivo aumentar a súa contratación, no mesmo centro onde se procedeu os despedimentos, accedendo a un programa cofinanciado polo IGAPE e o ICO nun 30% a finais de 2009. Neste momento Altia parece romper o pactado para acceder a ese financiamento.